Sunday 19 de May de 2024

O Goberno local inicia as obras de urbanización do acceso norte aos campos de fútbol do parque Adolfo Suárez


O Concello inviste 645.288 euros nestes traballos

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, informa do inicio hoxe das obras de urbanización do acceso norte aos campos de fútbol do Parque Adolfo Suárez, por importe de 645.288 euros, o que supón unha rebaixa do 24% con respecto ao presuposto de licitación.
Os traballos, adxudicados á empresa Canarga, terán un prazo de execución de 2 meses e medio e consisten en movemento de terras e explanacións, pavimentación de calzadas e beirarrúas, sinalización de vías públicas, axardinamento e mobiliario urbano, rede de abastecemento de auga potable, rede de saneamento de augas pluviais e residuais, rede de distribución de enerxía eléctrica de media e baixa tensión, rede de iluminación pública, preinstalación de rede de gas e rede de telefonía e comunicacións.
A actuación considera o acondicionamento dos accesos, tanto peonís coma rodados e inclúe a dotación de estacionamento ligados tanto ao uso de vehículos particulares como os destinados ao transporte de persoas. Con motivo destas obras, o Punto Limpo de
Os Rosales permanecerá pechado dende o mércores, 3 de decembro, ata o próximo 14 de decembro.
Estes traballos súmanse a outra serie de proxectos que darán un impulso definitivo ao barrio de San Pedro de Visma e os seus arredores, cun investimento final que rolda os 12 millóns de euros. Á inauguración da nova sede de Padre Rubinos, engádese a reurbanización das rúas San Pedro de Visma e do Río; a creación dun novo vial entre a rolda de Outeiro e a rúa Loureiro; a execución dun gran parque que levará o nome de Adolfo Suárez e a construción de dous campos de fútbol, os viais de acceso e a futura sede da Federación Galega de Fútbol. En total, 100.000 metros cadrados para o uso e desfrute dos cidadáns, con especial atención aos veciños de Visma, Labañou, Agra del Orzán e Os Rosales.